2/03/2018

Sobre o novo municipalismo

Este artigo foi escrito orixinalmente para ideas.gal

Non se pode comprender o autoproclamado movemento municipalista que, con epicentro en Barcelona, ten varios émulos en todo o Estado español, sen coñecer o substrato teórico do que bebe. Entre as súas influencias principais destaca a de Antonio Negri. Sucintamente, podemos dicir que para Negri (e para Michael Hardt) nos atopamos nunha etapa postimperialista, na que os Estados-nacións están subsumidos nese gran ente que eles chaman Imperio, na que a Multitude, especialmente o cognotariado dono dos seus medios de produción, encarna un novo tipo de fluxo democrático nunca esclerotizado, un movemento que é sempre pura potencia, puro espírito constituínte, nunca constituído e que, en contraposición á reivindicación público-estatal, considera que o programa dese suxeito polimófico debe ocuparse da loita (extrainstitucional, enténdese) polos bens comúns (si, de aí vén o nome dos Comúns).

Naturalmente, a aparición desta corrente autonomista non pode desligarse do fracaso da experiencia soviética e da influencia, tamén na esquerda, das ideas arendtianas encol dos Totalitarismos. Antes ca Negri & Cía, Arendt xa teorizara a diferenza entre o poder constituínte e o constituído; a alemá, non obstante, acabou optando pola estabilidade do segundo —para ela a Revolución francesa, por pretender solucionar a cuestión social encarnaría o primeiro (tamén o risco totalitario) e a Revolución  norteamericana encarnaría o segundo—. O autonomismo, pola súa banda, identifícase co momento constituínte, malia que o seu refugo do constituído teña moito que ver coa aversión ao Totalitarismo que este pretendido neoanarquismo enxerga en calquera poder Estatal (malia caer na aporía, sen rubor ningún, de copar as institucións).

Xa que logo, na cosmogonía autonomista os estados apenas xogan xa un papel relevante e non se poden establecer xerarquías entre eles, nin relacións de dependencia entre países. Aspectos que contradí, entre outros moitos, a socióloga Saskia Sassen, para quen os Estados na globalización xogan un papel ambivalente: por unha banda son axentes indispensables para impoñer o neoliberalismo e, pola outra, son vítimas deste proceso. Sassen pensa que esta ambivalencia do Estado está a propiciar a aparición de novos espazos xeopolíticos tanto a unha escala superior como inferior á Estatal. Un exemplo dos primeiros sería a UE e un das segundas as cidades globais. Curiosamente, a fuxida das institucións estatais que propugna o municipalismo cara á cidade reforza a lóxica neoliberal que establece nas grandes urbes globais os nodos de circulación de capitais financeiros (por suposto, trátase de cidades prósperas e postindustriais, con forte presenza dese cognotariado precario, non as Cidades Miseria das que falara Mike Davis onde, poñamos por caso, as Guerras da auga de Cochabamba, o auténtico cambio se produce cando as loitas locais se articulan a nivel nacional-popular para a toma do Estado boliviano). Así mesmo, a pretensa superación do Estado —a través de movementos paneuropeos (esta esquerda "cosmopolita" nunca formulará a ruptura coa Unión Europea ou coa Eurozona)— reforza a organismos antidemocráticos como a UE que se rexen por unha estrita xerarquía de estados entre os que se dán relacións de subalternidade.

A aplicación consecuente desta visión postestatal e postimperialista do mundo, leva a que o municipalismo, ante o conflito nacional español, se sitúe no mesmo limbo inane do nin, nin no que se sitúa noutros conflitos internacionais como poida ser, recentemente, a guerra en Siria.

Por outra banda, no caso específico galego, onde non existe ningúnha gran cidade con capacidade de crear un espazo de poder substancial, o municipalismo autonomista, reticente á construción dun suxeito político nacional propio, contribúe, de facto, ao reforzamento do espazo político español en detrimento do galego, propiciando así unha maior subalternidade dun país marxinal, de seu, a nivel económico, cultural e demográfico dentro do concerto español.

Con este universo ideolóxico previo, é que aboia, subido a un tren alleo [o de Podemos] o novo municipalismo. Entre o enfoque municipalista e o podemita hai, como mínimo, unha gran diferenza e unha gran similitude. A diferenza consiste en que os da Complutense estiman que a toma do Estado —entendido como aparato institucional— é central, a prioridade é a toma dese Pazo de Inverno e despois xa virá todo o demais. A gran semellanza entre ambos perfís consiste no seu desprezo á idea de hexemonía. Os podemitas consideraban que era posible o asalto aos ceos institucionais independetemente de seren ou non hexemónicos na sociedade civil (porque non, gañar eleccións non é o mesmo que ser hexemónico), os municipalistas aborrecen calquera idea de hexemonía nacional-popular porque, desde o individualismo anarquista, esta, inevitablemente, lles lembra o Totalitarismo arendtiano.

As diverxencias entre os Comúns e os podemitas a respecto do Estado xa se encargou a propia realidade de puílas. Non houbo asalto aos ceos por parte dos que soñaban con tomar a Moncloa, e si o houbo por parte de aqueles que, a priori, eran antiinstitucionalistas. A partir dese momento, tanto os primeiros como os segundos deben facer senllas relecturas —que pasan basicamente por afirmar que se dicía digo onde se dicía Diego— e entregarse, en corpo e alma, ao puro tacticismo para sobrevivir. Uns reformulando a guerra de movemento en guerra de posicións —que na práctica consiste en amoldarse a un estado de cousas no que a dereita (e todo o Réxime do 78) xa gañou o terreo que perdera; os outros, facendo malabares para continuar vendendo retórica movimentista ao tempo que os documentos fundacionais se van adaptando á "dura" vida nas institucións representativas estatais.

Sem comentários: