11/11/2017

Recensión de "Vidas culpáveis" de Borxa Colmenero.


Veño de ler Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime (Laiovento, 2017), de Borxa Colmenero. Libro breve —179 páxinas que resumen parte da súa tese doutoral— pero moi suculento.

O traballo ofrece claves sobre como na actualidade convive un tipo de xestión xurídica neoliberal de inspiración utilitarista/economicista baseada na liberdade (o Estado renuncia á eliminación da delicuencia e á reinserción dos infractores en determinadas normas morais ou conductuais e actúa só no control de riscos para que o crime non chegue a cometerse, considerando aos suxeitos coma individuos libres que toman as súas decisións en base á racionalidade custe/beneficio independentemente da súa condición socioeconómica ou cultural), con outra punitiva, de inspiración schmittiana (de Carl Schmitt, o xurista alemán e nazi declarado que tanto admiraba, entre outros, o ex Presidente da Xunta Manuel Fraga), baseada na capacidade do soberano para  decidir sobre o Estado de excepción e sobre a morte —real ou simbólica— da vida sen dimensión xurídico-política (a vida núa no sentido que lle dá Giorgio Agamben no seu excelente  Homo Sacer. El poder soberano y la nuda vida (Pre-textos-1998), edición en castelán.

Se o primeiro principio se pode atopar tanto nos EUA como na UE, especialmente desde a Gran Recesión, momento a partir do cal o autor constata unha reducción do número de presos, o que sería coherente coa hipótese de que o desmantelamento do Welfarstate tamén afectaría aos enormes gastos que lle supoñen aos Estados manter grandes estruturas penitenciarias. O segundo principio, o da excepcionalidade punitiva, viviu o seu apoxeo durante os anos da Guerra contra o terrorismo, a raíz dos atentados do 11-S en Nova York.

Porén, na actualidade o autor enxerga unha recondución da conflitualidade internacional. Esta abandonaría a difusa guerra global contra o terrorismo e regresaría ao vello sistema de pugna entre Estados-nación, mantendo a lóxica da excepcionalidade para o interior dos propios Estados. Neste sentido, a UE presentaría —tanto na fase de apoxeo como neste intre— un nivel menor de aplicación da lóxica excepcionalista que os EUA, o que nos falaría, e isto xa é conclusión miña, de que na UE seguen a ser os Estados os que levan a batuta no referente á administración xurídica e policial, isto é, que tamén neste aspecto a UE segue sen cumprir a súa promesa de integración e continúa a ser, máis ben, unha superestrutura de cooperación entre Estados.

No que respecta ao Estado español, o autor é claro: este é pioneiro no desenvolvemento de todo un arsenal xurídico baseado no principio da excepcionalidade, con epígonos coma a coñecida Teoría do entorno mediante a cal se equiparaba, practicamente, independentismo vasco con terrorismo. Ese carácter de alumno avantaxado do Estado español no uso das leis de excepción explicarían tamén a capacidade daquel para "inventar", no seu momento, o fenómeno Resistencia Galega (alguén lembra hoxe en que quedou aquilo, alén de funcionar como desculpa para desenvolver operacións coma a Jaro contra independentistas galegos?).

Así mesmo, e xa de rabiosa actualidade, esa bagaxe do Estado español na excepcionalidade schimittiana tamén nos permite encaixar e entender mellor o que está acontecendo, por unha banda, a respecto da resposta xurídica do Estado ao tema catalán e, pola outra, a respecto da non-reacción por parte da Unión Europea. Atopámonos, por tanto, nun momento en que no Estado español aboia con suma claridade a convivencia da excepción coa norma e da norma coa excepción. Uns espazos sen delimitación clara e caldo de cultivo para a máis pura arbitrariedade no que se refire á persecución de ideas políticas.

Un libro máis que recomendable.

Sem comentários: