11/03/2017

O novo «normal»

Algúns seguen a examinar con lupa a composición química do independentismo catalán. É pequeno-burgués? É popular? É elitista? Pero o certo é que Cataluña toda está a probar a medicina do novo capitalismo sen Democracia que vén. Vén en todo o mundo, non só alá. E aínda que hoxe o padezan en Cataluña, vai chegar (hai tempo que chegou, máis ben) a toda España, pero, alí, con vítores das multitudes de esquerdas, de dereitas e medio pensionistas.

Autoritarismo e libre mercado sen benestar de masas. Velaí a nova moda. Acaso non é a China a economía que máis medra? Por que se habería de incluír, «en pleno século XXI», como se adoita dicir paifocamente, á Democracia no paquete capitalista cando xa non hai ningunha potencia alternativa á que combater no campo das ideas? Cando xa non hai competidores que prometan o ceo na terra aos traballadores e traballadoras? A UE aplicou de xeito ben gráfico a receita en Grecia. De feito, a UE é un artefacto perfectamente deseñado para ese escenario de capitalismo sen Democracia onde o «independente» BCE goberna e o Parlamento é ornamento sen capacidade lexislativa. Ese vai ser o novo «normal».

Os españois de dereita seguen pensando que isto vai de bandeiras, testículos e naftalina, sen decatarse de que este neofranquismo é, tamén, un autoritarismo de novo cuño que aproveita simboloxías pasadas. Entre os de esquerdas (ou o que queira que sexan), uns pensan que a loita de clases é coma un combate de Shongoku, onde o Patrón platónico e o Proletario platónico se enfrontan, epicamente e suspendidos no aire, sen pertenza a contexto ningún. Liza pura, liza diáfana, utopía de cartel soviético. Outros, viven nunha nostalxia impotente pola II República, como se 1978, e as peaxes pagadas que moitos nunca mercamos nin esquecemos, non tivese existido. O último tipo de esquerdista español, o frívolo posmoderno de máis recente factura, cre que todo se soluciona resignificando símbolos e palabras e berrando diálogo ao Universo, mentres os cascos azuis, de tanto bater nela, van esmagándose contra a parede de formigón. Brindes ao sol.

This is Spain. Spain is diferent, ma non troppo. Spain está hoxe na corrente principal do que acontece no mundo todo. A maior  diferenza? Ser un país europeo que non coñeceu período antifascista ningún. Isto é: ter un mellor substrato político-cultural para que o novo autoritarismo sexa aceptado alegremente. Patrioticamente. Sumisamente.

Sem comentários: