9/17/2017

Recapitulación persoal dun debate



O pasado venres tiven a oportunidade, grazas a Lídia Senra, que foi quen organizou o acto, de moderar un interesante debate no que participaron a ferrolá Lupe Ces, as nicaraguenses Mónica Baltodano e Haydee Castillo e máis o portoricense Ramón Grosfoguel.
Mentres as ponentes disertaban eu ía anotando, na miña libreta, cousiñas que me chamaban a atención do que se dicía. Estiven a revisar as notas e, aínda que apareceron múltiples temas, gustaríame salientar algúns en particular.
Así, do relatorio de Lupe Ces, gustoume a súa visión esperanzada sobre as novas xeracións. As cualidades que ela, mestra de profesión, percibía nelas (alta formación, capacidade de esforzo, sensibilidade ecolóxica...) e tamén os problemas que, ao seu ver, padecen (frustración), todo o cal daba pé a certo optimismo da vontade a respecto da materia prima humana que debe continuar a tarefa de constituírse como suxeito político para si.
Da intervención de Haydee Castillo, quedei coa súa énfase na necesidade de crearmos unha "nova cultura" (moi importante esta idea de reminiscencias gramscianas), unha cultura na que, segundo a ponente, deberían cobrar máis presenza os afectos, o territorio, os valores éticos...
Da intervención de Ramón Grosfoguel, gustoume especialmente a súa aseveración, con afán provocador, de que o "capitalismo non existe", entendida esta como que o capitalismo, o puro modo de produción económica, non existe de xeito separado, abstracto e independente do líquido ambiótico cultural no que estamos inmersos e que, polo tanto, o economicismo puro, a idea de que a base económica é o único determinante e o único aspecto que debe atender a esquerda, non ten que conducir, necesariamente, mecanicamente, á emancipación (do mesmo xeito, dito sexa de paso, que o culturalismo puro que impregna á esquerda desde a eclosión no seu seo da diversas teorías "post").
Unindo estas ideas, e por comentar aquí a miña sobre o tema tratado (no fondo o vello "que facer"), a tarefa que teriamos por diante sería, nada máis e nada menos, que abonar o substrato sobre o que levantar as columnas, as paredes e finalmente o teito desa casa que precisamos erguer para deixarmos de estar á intempérie (que é onde estamos desde, polo menos, 1989 e, probablemente, desde 1968); isto é, o movemento democrático que tome o relevo ao que no século XX floreceu como movemento obreiro (e que, como mostrou E.P. Thompson, levou un longo tempo construír). Trátase, logo, de estercar con paciencia o campo para que de aí poida agromar o suxeito político autoconsciente (nada máis lonxe que a concepción da política como a creación de plataformas electorais compostas por un pequeno número de cadros, pero sen movemento autónomo popular que as sustente, as controle e as dirixa: a construción da casa polo tellado).
Só coa existencia dese susbtrato é que se poderían evitar oprobios como o que comentaba a ponente que me falta, Mónica Baltodano, quen chamou a atención sobre como réxime autoritario-neoliberal (nas súas propias palabras) de Daniel Ortega en Nicaragua, se apropiara dos símbolos e da cultura nacida da Revolución Sandinista, o que nos indica que eses símbolos e cultura xa non contan cun movemento vivo que os continúe reproducindo na súa vida cotiá, de aí que se transformen en simples significantes flotantes que poden ser vampirizados, mesmo co fin de levar a cabo o tipo de políticas contra as que naceu esa cultura, cando esta era realmente vivida polo movemento que a creaba e recreaba coa súa propia práctica, autonomamente (palabra que, como lle lin recentemente a Cornelius Castoriadis, vén do grego auto e nomos (αὐτόνομος), isto é: darse a un mesmo, de xeito consciente, a súa propia lei, o seu propio marco de conducta independentemente do marco impulsado polo poder.

Sem comentários: