7/04/2017

Algunhas respostas a algunhas preguntas

A xente de ideas.gal tiveron a ben facerme unhas preguntas. Velaí a as respostas.

1) Que é para ti Galiza, hoxe?

Para min «Galiza», así, en abstracto, non é nada. Outra cousa é o potencial identificativo que aínda poida ter, nun número —cada vez máis minguante— de galegos e galegas concretos e reais algo así chamado. Pero este algo que referencia a unha certa xeografía, historia e legado cultural humano é algo tamén aberto a ser enchido con múltiples significados e proxectos, sobre todo no que ten que ver ca súa posta en práctica futura; significados e proxectos que son, por forza, contraditorios entre si.

Neste sentido, a nivel político, interésame a idea de Galiza na medida en que consiga representar unha serie de valores éticos, ideolóxicos, culturais..., cos que me identifico, e que non son precisamente os dominantes na sociedade galega actual. Considero que Galiza, hoxe —o que debería representar Galiza—, aínda ten algún potencial como aglutinante de certas ideas como poidan ser as de soberanía política, igualdade material, resistencia fronte a homologación cultural capitalista... Na medida en que aínda sirva para iso, pensar nalgo chamado Galiza, —en tanto que "resumo simbólico", máis ou menos flexible dun territorio, cultura ou ethos colectivo que, se ben sempre se debe pensar en movemento e nunca totalmente pechado ou coagulado, tampouco se ten por que concebir baixo o prisma nihilista do círculo da "destrución creativa" (cada vez máis destrución destrutiva cultural capitalista)—, na medida en que sirva para isto, digo, cabe a posibilidade de seguir a reivindicar algo chamado Galiza en tanto que proxecto político.

2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?

A Galiza concreta, a da paisaxe humana que sofre a explotación entre clases sociais e tamén, como consecuencia, a así concebida como resumo simbólico duns certos valores diferentes dos dominantes, véxoa do mesmo xeito que vexo a eses valores e ideas políticas: derrotadas. O conxunto de persoas que habitan este recuncho que aínda se identifica por tal nome, son, cada vez máis, uns clons culturais do molde que impón o capitalismo globalizado. A Galiza de dentro de dez anos, vendo o ermo político no que estamos, só pode ser unha versión aínda máis requintada da McGaliza que xa habitamos; unha periferia da periferia sur europea, totalmente deglutida polo paradigma cultural xerado no "século americano" e co agravante de que aquí non dispomos da ferramenta estatal (xa bastante mermada nos mesmos estados europeos) para trazar unha devasa, un cortalumes político-económico, que free ese proceso de macdonalización.



3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?

Nada pode ser idealmente. O que vaia ser desta sociedade que aínda podemos identificar, máis ou menos, como galega, será o froito da súa propia acción colectiva. De momento, creo que se conseguimos reverter o proceso destrutivo en todas as ordes, se conseguimos, simplemente, resistir, xa estariamos facendo dabondo. Lamentablemente, creo que nin siquera estamos en condicións de resistir. Pero oxalá me equivoque.



4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben garantir servizos públicos universais e de calidade?

A idea de servizos públicos universais está directamente ligada á existencia dun Estado. O Estado, non concebido unicamente como maquinaria burocrático-represivo-administrativa, senón tamén como expresión da correlación de forzas existente entre as clases sociais na Sociedade Civil; é dicir, o Estado como universo ético dunha sociedade. É imposible concebir a idea de servizos públicos sen a existencia dunha idea de Estado como da que falo. Construír ese Estado, construílo xa, aquí e agora, é a tarefa primordial.

Por outra banda, na miña opinión, a principal novidade que cómpre introducir na nosa idea de "progreso" como sociedade, é a da existencia de límites ao puro desenvolvimentismo económico —os límites ecolóxicos—, hoxe representado, como nunca, na idea da globalización económica capitalista. Isto, no noso país, tería unha translación, no plano político práctico, por exemplo, pola aposta decidida na recuperación do sector primario con criterios soberanistas, hoxe afogado no inmenso "deserto verde" posto a disposición de vellas e novas transnacionais extractivas, en que se converteu o país.


5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?

Os galegos e galegas concretos teñen ao seu dispor un gran potencial para conectar tanto co mundo hispano falante como co lusófono. A viabilidade dunha sociedade soberana galega —o devalo do peso demográfico non fai máis que confirmar isto— pasa, dada a basculación mediterránea do Estado español, pola súa relación con Portugal. Agora ben, en toda esta cuestión non se pode perder de vista a existencia dun ente supraestatal antidemocrático chamado Unión Europea —e intrinsecamente neoliberal polo menos na zona euro— moitas veces concebido, ao meu ver erroneamente, como unha vía de escape do Estado Español —mesmo de escape, en certos sectores da "nova esquerda", da propia idea de Estado— e unha ponte de ouro con Portugal. Ao meu entender, Galiza debería ser quen de apostar polo autofortalecemento demográfico, económico, cultural que lle daría unha maior relación con Portugal, sen perder de vista que é a través da consecución dun Estado (que non ten necesariamente que ser pensado como Estado "independente") e non a través da disolución nun ente supraestatal baleirado de contido político, como se poderá realmente fortalecer esa idea de Galiza que disque temos.



6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?

Eu diría que máis que pensar en grandes metas o que lle cómpre, polo menos para quen pensamos nun proxecto de Galiza como o que vimos falando, é, simplemente, seguir a camiñar; o que non é outra cousa que facer aquí e agora. Facer Estado. Aínda que, como xa dixen antes, se ese facer camiño nos servise unicamente para resistir xa estariamos logrando algo importante.



7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?

A soberanía é fundamental como concepto integral. Soberanía é autodeterminación en todos os eidos: político, económico, cultural, psicolóxico, afectivo... Se hai unha idea á que é refractario o capitalismo é á idea de soberanía, á idea de que o pobo —que existe de xeito concreto e real en forma de "os pobos"— non unicamente o pequeno grupo de detentadores do capital (económico ou simbólico), ten o dereito a dicir cara a onde ten que dirixirse a, supostamente, cega man invisible que guía ás forzas "abstractas" e "neutras" da acumulación de capital.



8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?

Eu diría que todos os esforzos por deslindar a Marx e ao(s) marxismo(s) do desenvolvimentismo, de vencellar a idea de progreso humano coa idea de equilibrio ecolóxico —sen que este ecoloxismo desemboque nun antihumanismo primitivista ou nunha devaluación do humano— deberían ter máis consideración por parte de todos e todas.

9) Que valoración fas, a día de hoxe, do concepto de hexemonía, e que aplicación pode e debe ter en Galiza?

O primeiro que cómpre dicir é que hexemonía non é conseguir "vencer no relato", ou no "discurso", como se adoita pensar desde a esquerda posmoderna: iso, en todo caso, é unha consecuencia posterior da hexemonía na Sociedade Civil; o lugar, segundo Gramsci, onde se produce a loita de clases e onde se substancia o ethos da sociedade —a través da acción colectiva da propia sociedade, non da propaganda e os trucos mediáticos de iluminados, por máis vistosos que sexan—, o que dará lugar, así mesmo, a determinada substanciación na orde legal e política. Polo tanto, ser hexemónico nun Estado complexo do capitalismo globalizado, a diferenza de gozar dos quince minutos de fama dos que falaba Warhol, require a construción das "casamatas" e "fortíns", das que tamén falaba Gramsci, na Sociedade Civil. Iso, no caso galego, pasa polo "facer camiño" que comentabamos antes. De construír Estado, aquí e agora. Sen esa base, sen esa construción previa de estruturas, sen esa creación social colectiva dos que deciden poñerse a camiñar de xeito autónomo a respecto das oligarquías sen agardar o seu visto e pracet, a hexemonía entendida só como "relato" ou "discurso" é flor dun día.

Sem comentários: