11/15/2016

Sobre Camilo Nogueira

Aproveitando a homenaxe pública que se lle fixo recentemente, e malia discrepar bastante con algunhas das súas posicións políticas, gustaríame, sobre Camilo Nogueira, dicir un cousa moi sinxela pero que, para min, politicamente, vale un mundo.
Proveño dunha familia de clase traballadora. O meu pai, agora xubilado, traballou trinta anos en Citröen. É un home de esquerdas, pero nunca foi un militante nin alguén moi ideoloxizado ou que se movese en círculos politizados. Foi un currante sindicado que acudía sempre á mani viguesa do Primeiro de maio, que facía folga cando se convocaba e que tiña clara unha certa idea de dignidade na fábrica que non se debía perder. 
Para alguén do perfil do meu pai, o nome de Camilo Nogueira infundía respecto. O enxeñeiro represaliado que no 72 volvera polos obreiros cando podería acomodarse no seu posto privilexiado. Hoxe, que tanto se fala de hexemonía, que se confunde esta con facer discursos máis ou menos vistosos e "seductores" pero obviando a relación que aquela ten coa praxe, eu digo: un exemplo de hexemonía, polo menos no Vigo obreiro do fordismo post-Transición? Camilo Nogueira, o enxeñeiro a quen os obreiros vían como un igual e por iso nunca o esqueceron.

1 comentário:

Voz en off disse...

A humildade e a solidariedade que escasas son!