8/25/2016

Sobre o affair Otegi-Villares

Argumentos do tipo, "ese é un asunto vasco", "os vascos nunca se solidarizaron con nós", "que lle dean", "é unha cuestión marxinal na campaña galega" etc., etc., etc., ou ben son produto da ignorancia ou da impostura. Centrarse exclusivamente na persoa chamada Otegi, ou na súa condición de vasco ou de medio pensionista é fitar para o dedo para non ver a lúa.

O que se dirime é toda unha concepción da política. A política que acepta o marco da democracia-liberal e as súas leis como "natural", ou a política considerada como o que pon en xogo un statu quo pensado para que a derrota absoluta da esquerda sexa irreversible.

Aceptar a lóxica de Villares, despois de que, por exemplo, un constitucionalista como Pérez Royo demostrase que a Constitución española está pensada para que a súa reforma sexa completamente imposible, implica aceptar que o marco constitucional español é o teito de cristal infranqueable.

Iso, hoxe, non só ten consecuencias no que respecta á forma do Estado ou ao tema nacional, senón que, coa reforma express do artigo 135, implica a mansa aceptación da constitucionalización do neoliberalismo; é dicir, estamos a falar dunha esquerda que, por máis retórica seudorevolucionaria que se marque, está á dereita da socialdemocracia clásica.

Se esta é a esquerda que vén, comigo que non conten.

Sem comentários: