1/02/2015

Máis alá de Grecia

 O punto onde todo estoupa.
"Grecia". Das Kapital.


Na dura reflexión sobre o fascismo, Salò ou os 120 días de Sodoma, Pier Paolo Pasolini botaba man da fugaz República de Salò, o estado títere irmá da República de Vichy francesa, que fora creado en plena Segunda Guerra Mundial no norte de Italia polo III Reich nun momento no que os aliados comezaban a liberar o mezzogiorno

Un dos momentos máis impactantes dos moitos que abundan no filme é o da escena na que o grupo de adolescentes obxecto de todo tipo de atrocidades por parte do fato de fascistas pervertidos que os teñen subxugados son obrigados a, literalmente, comeren merda.

Algo semellante a esta obriga ao prato de merda colexíase das declaracións de Wolfgang Schäuble, ministro alemán de finanzas que, ante a incapacidade do primeiro ministro grego Andonis Samarás para conformar unha maioría que apoiase a un novo Xefe de Estado e a inevitabilidade, polo tanto, de convocar eleccións xerais anticipadas no país heleno, advertía aos gregos con tentacións de dar unha maioría a Syriza, de que non hai alternativa ás “reformas”; onde reforma é o eufemismo para “prato de merda”.

Como calquera podía prever, a importancia das vindeiras eleccións gregas para definir a capacidade dos pobos da Unión Europea para desfacérense do xugo da, en palabras de Ignacio Sánchez-Cuenca, “liberdade sen democracia” á que nos aboca a hexemonía alemá, é indubidable. 

Polo de agora, as opinións ante o momento grego que viviremos a finais do recén estreado xaneiro de 2015 basculan entre a dun Costas Lapavitsas que advirte de que a capacidade de Syriza para transformar a UE dende dentro dependerá da vontade do resto de Europa para que así sexa (e aclarando que a Alemaña exportadora ten poucos incentivos para levar alén do paradigma da austeridade a unha Eurozona cuxo deseño actual lle beneficia), un Mike Shedlock que considera que Grecia é hoxe aínda máis sistémica que cando o primeiro “rescate” (en verdade rescate de Alemaña á banca alemá axudando ao seu principal debedor a pagar as débedas) e que, polo tanto, as declaracións emitidas dende a órbita de Merkel que ameazan con botar a Grecia do euro debido a que hoxe xa non é un "perigo sistémico" son unha fanfarronada e unha baza que Syriza podería xogar dende o goberno, ou a de João Rodrigues que vislumbra dous posibles escenarios de futuro en caso de vitória de Syriza: a saída de Grecia do euro ou a cooptación polo stablishment europeo da coalición de esquerdas.

Sexa como for, unha cousa semella clara: calquera aposta por democratizar a Unión Europea a través da mobilización ou revolta dun inexistente demos continental é pura utopía. A UE reformarase ou morrerá da man dos Estados que a compoñen, únicos lugares, se son arrincados das mans da Troika, de contrapoder á elite non electa e obediente á burguesía dun deses Estados, Alemaña, que hoxe goberna coa man de ferro da macroeconomía a todo un continente tremendamente diverso cultural, sociolóxica e economicamente.

Con este concreto pano de fondo a un véñenlle á cabeza algunhas formulacións xerais sobre as que, dende a óptica da esquerda dunha nación sen estado, probablemente habería que reflexionar/polemizar.

1. O inimigo é a globalización. Inimigo da democracia e inimigo da humanidade en tanto en canto se basea nun comercio a gran escala que precisa recursos infinitos nun planeta de recursos finitos. A UE non é máis que a expresión rexional desa realidade global que mina a capacidade dos pobos para decidiren democraticamente sobre si mesmos.

2. A existencia dunha UE en condicións de baleirar de contido a vella soberanía nacional dos Estados-nación fai que en todo o sur europeo, e tamén no Estado español, a contradición tome a forma de institucións-democráticas-até-o-de-agora-mais-ou-menos-posibles vs. institucións supraestatais antidemocráticas. É dicir, a batalla é pola existencia mesma da práctica da soberanía popular.

3. Os cidadáns dos pobos sen estado están na difícil tesitura de defender a forma Estado-nación, o cal, de xeito implícito, lexitima en certo modo o Estado-nación que non os recoñece como colectivo; pero, tamén, colabora na preservación da existencia do Estado-nación democrático soberano en si (en definitiva o que se supón que devecen ser esas nacións sen estado).

4. No Estado Español, a fórmula da Fronte Popular (co nome que se prefira) recollendo no seu interior a idea (e a práctica) da plurinacionalidade, permitiría superar esa difícil tesitura. A tentación de que novos axentes pretendan crear un españolismo rexeneracionista que se afirme fronte o imperialismo alemán sen recoñecemento dos distintos suxeitos políticos que integran o Estado Español é unha moi mala nova.

5. Como reacción a esta realidade, ás nacións sen Estado quedaríalles abrigar a esperanza de seren recoñecidas por esas institucións supraestatais. Algo que xa viñan facendo cando a UE era unha realidade benigna incuestionada –Camilo Nogueira no nacionalismo galego de forma expresa e todo o nacionalismo galego de forma implícita, pois non outra cousa é iso da "Europa dos pobos" presentada como alternativa nas eleccións ao chamado Parlamento Europeo. E que seguen a facer —velaí a grande esperanza do groso do independentismo catalán de que o Procés sexa recoñecido pola UE. O cal leva consigo aceptar unha idea de soberanía popular moi devaluada e totalmente funcional ao capital (por seguir co paralelismo coa fugaz hexemonía alemá na Europa da Segunda Guerra Mundial, trataríase de emular, mutatis mutandis, a vía colaboracionista existente no nacionalismo bretón). Unha forma de non-soberanía popular que, ao tempo que pode dezmar o Estado-nación no seu aspecto máis negador da pluralidade nacional (isto en teoría, na práctica a cousa vai por outro lado), dezma o Estado-nación como institución política que asegura, algo así, como a soberanía popular. 

6. A idea de que unha nación de pequeno tamaño (que non aspire a ser só un paraíso fiscal ou unha economía exportadora globalizada) podería sobrevivir no mundo actual declarando a súa independencia total a respecto das realidades circundantes é bastante absurda. Parecería claro que este tipo de novas nacións, se pretenden ser unha alternativa á globalización, necesitarían asociarse, entre outras cousas porque unha alternativa no curto prazo ao neoliberalismo pasaría por algún tipo de keynesianismo desglobalizador que precisaría de entidades territoriais/demográficas minimamente amplas (ver alternativa de Luciano Vasapollo á actual UE) salvo que pensemos, dende posicións que con toda razón refugan do keynesianismo como alternativa para un mundo de recursos finitos, que no tipo de sociedades complexas como é a galega se pasa do neoliberalismo ao colectivismo decrecentista dun chimpo.

7. A reivindicación, fronte esta desagradable realidade de dúas institucionalidades con pouco atractivo confrontadas, dun soberanismo non estatalista —algún tipo de movemento comunitarista libertario non baseado na forma estado-nacion, para min, por certo, moi atractivo— non deixaría de encarnar unha sorte de bonita alternativa teórica no plano ideal pero perfectamente inútil no plano real debido ao seu exilio voluntario a respecto do que se está a ventilar politicamente, especialmente en Europa, no contexto do capitalismo globalizado actual.

Sem comentários: